Saturday 18 de May de 2024

Proxectos de emprendedores e investimentos para empresas copan o 90% do Plan Activamos


O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, participou esta mañá como invitado nos almorzos que organiza a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (ASCEGA). Durante o encontro, ao que asistiron máis dunha trintena de socios desta entidade, falou das condicións e dos resultados acadados ata agora co Plan Activamos, un ambicioso programa de créditos brandos dotado con 72 millóns de euros e posto en marcha a través dun convenio asinado entre ABANCA e a institución provincial.

Calvo explicoulles aos emprendedores as orixes deste plan, que se atopan na decisión da Deputación da Coruña de cancelar a súa débeda coa entidade bancaria. Foi entón cando desde a Deputación se expuxo a posibilidade de que eses cartos que se debían foran destinados a créditos para familias, empresas e corporacións locais, nas mellores condicións que existían no mercado. ABANCA aceptou a proposta e sumou unha cantidade igual ao plan, que arrancou no mes de agosto pasado e que agora alcanza xa os 1.064 préstamos concedidos por máis de 31,1 millóns de euros e outros 536 en avanzado estado de tramitación por 24,7.

Desta cuestión falou o presidente da Deputación cos membros de ASCEGA, xa que a grande maioría dos créditos concedidos, preto do 90%, foron destinados a proxectos de emprendedores, novos investimentos en empresas e pólizas para creación de emprego.

As cifras son as seguintes:
Préstamos para proxectos presentados por emprendedores: formalizados xa 167 por un importe de 3,9 millóns de euros.

Préstamos para novos investimentos: 18,6 millóns de euros en 464 créditos.

Ademais, atópanse en avanzado estado de tramitación outros 98 préstamos por importe de 2,7 millóns de euros no capítulo da posta en marcha de proxectos e outros 13,9 repartidos en 244 créditos respecto a novos investimentos.

Contando tamén as axudas tramitadas en pólizas para creación de emprego en pequenas e medianas empresas (27 préstamos por importe de 830.437 euros) e os préstamos concedidos para actuacións de eficiencia enerxética e necesidades de circulante, a conclusión é que ata agora están en marcha 1.457 préstamos por importe de 47,3 millóns de euros só no capítulo de axudas ás empresas.

Calvo subliñou a importancia destas cifras porque, dixo, “demostran que o crédito flúe de novo e, o máis importante, que está en mans de quen o necesita, xa que non estamos a falar de grandes proxectos nin de grandes investimentos, pois o importe medio destes préstamos é de 32.500 euros”.

Balance do plan
Tendo en conta as tres liñas de financiamento que recolle o plan (familias, empresas e corporacións locais), os resultados expostos polo presidente esta mañá demostran a súa boa marcha, xa que ata o de agora están concedidos 1.064 préstamos por importe de 31,1 millóns e tramitándose outros 536 que suman 24,7 millóns. En total, 55,9 millóns en 1.062 préstamos.

Segundo as previsións de ABANCA, antes do verán poderanse formalizar outros 1.996 créditos por importe doutros 58.462.069 euros e chegar así a superar o orzamento de 72 millóns de euros previsto.

Demandas dos membros de ASCEGA
A necesidade de que flúa o crédito foi precisamente unha das preocupacións que os empresarios trasladaron ao presidente da Deputación, ao que reclamaron tamén colaboración para dar a coñecer a cultura empresarial entre os máis novos. Neste caso, Calvo falou da posibilidade de poñer en marcha algún proxecto didáctico que leve ás escolas o funcionamento das empresas e a importancia que ten o traballo dos empresarios na creación de emprego.

Solicitaron, finalmente, a axuda da institución provincial para o que os membros de ASCEGA chaman “a segunda oportunidade”, que non é outra cousa que tratar de apoiar novas ideas ou proxectos de novos emprendedores que viron fracasar as súas empresas nestes últimos anos.